O home á esquerda: Querido Ernesto

APM 5 Febreiro 2025

Un suceso se repetía dende fai anos nos actos da APM: escapando de fotos, movéndose a velocidade marcial pero cunha axilidade que nunca tivo, Ernesto sorprendíanos sempre aparecendo sentado, como se xa estivera alí, situado no lateral esquerdo. El, que fora na lista do CDS, e que logo pasara a integrarse no PP e foi concelleiro en A Coruña, en realidade sempre se sentaba á esquerda.

Coñecimos a Ernesto no que fora a “Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales”, IEPS, na Coruña. Na primeira década dos inaugurados 2000, aquel estraño ágora era capaz de reunir diferentes sensibilidades nun momento no que aínda semellaba existir un clima de concordia e autocoñecemento.

E non “coñecemento” a secas, porque saber dos demais serve sobre todo para entenderse a un mesmo.

Ernesto gustaba de discutir á vella usanza. Tatexaba na busca de argumentos, e abrazaba o momento eureka cun xesto de atropelada algarabía que só se opacaba cando recibía unha resposta á súa altura. O medio sorriso do vello seminarista aparecía entón, como gardando a porta para que non saíran palabras malsoantes aínda dende o afecto e o respecto. O mesmo que logo lembraba os cineclubs que organizaba en pleno franquismo con películas prohibidas.

Porque Ernesto, naqueles primeiros 2000, xa era vello con pingas de seminarista, aquel paso que dera na súa xuventude para, como tantos outros, poder acceder aos estudos. Tal vez por iso, e aínda que rematara na Consellería de Sanidade, no ano 74 se presentara ao Corpo Auxiliar de Arquivos, Bibliotecas e Museos, daquela aínda como Pérez Barja e non Barxa, como gustaba de asinar.

Ernesto ocupaba o seu espazo á esquerda. Moviámonos no medio do acto, e alí estaba, atento ao que sucedía no escenario e agasallándonos con ese sorriso ao tempo que non perdía de vista o importante. Un toque no ombreiro fugaz, e o xesto de vérmonos á saída. En realidade nunca agardaba, e ao día seguinte dicía por teléfono: “¡Es que os veía con mucho lío y no quería molestar!”.

Lía os libros que non leremos, aqueles que narran con parsimonia fitos para os que algunhas persoas non temos paciencia. Nos estabamos para darlle outras cousas, para filtrarlle o absurdo do momento actual, para desesperarse connosco pola incomprensión do mundo con respecto ao que non se quere ver, pero está aí. Era un humanista, un tipo íntegro, dúas cousas que cada día son máis contracultura.

Fóisenos Ernesto onte, rematando en Betanzos a viaxe que comezou en Ourense no ano 44. Váisenos o tesoureiro, pero sobre todo vaise un amigo, unha excelente persoa e un gran conversador. Ese tipo solitario pero afable, aquel que viviu con sosego sen dar leccións, aínda que souberamos que tiña moito de Mestre.

Que a Terra che sexa leve, Ernesto!

Comparte!

Deixa a tua réplica

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes usar etiquetas e atributos HTML

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>