“Mucho que ver”

APM 17 Marzo 2025

O pasado día seis fomos convidados polo Grupo Social ONCE a un acto moi particular.

Dividido en dúas partes, primeiro o Presidente do Consejo Territorial, Carlos Fernández Lamigueiro (e a súa bendita sorna), deu a benvida e fixo de introdutor, e guía, nun encontro con Ana e Felipe, afiliados da cidade, e Laura, orientadora visual. Entre os tres deron dimensión ao día a día dunha persoa con discapacidade visual, e a súa relación coa contorna, e deste modo servían para un dos obxectivos da xornada: presentar a web serie “Mucho que ver.

Baixo o lema “una serie para mirar nuestra realidad con otros ojos”, os capítulos, moi breves, de “Mucho que ver” trasladan as reflexións dunha serie de personaxes reais, que parten sempre dunha situación coloquial entre eles, para ir delegando o protagonismo de cada unha das anécdotas que forman o eixo de cada capitulo. Dito doutro xeito, unha serie de persoas charlan mentres toman algo e botan unhas risas lembrando as situacións de vergoña que sofren por mor dunha realidade que non remata de adaptarse a elas.

Por exemplo, aquí temos o capítulo donde aprendemos como hai que “carretar” a un cego

Pero esa era a primeira parte da xornada, quedaba a segunda que, seguro, era a que máis curiosidade espertaba nas persoas presentes: un brunch a cegas. Repartidas as parellas por varias mesas, unha das persoas facía de guía aportando indicacións previas, e a outra, cun anteface, tiña que tratar de operar sobre o prato coa carencia da destreza que desenvolve na súa vida quen non pode ver. Citaba no seu artigo a xornalista Noela Bao:

Sobre la mesa, una bandeja cuadrada con varios pinchos. Una brocheta, croquetas, mini hamburguesas, churros, croissants o algo de fiambre y queso. Primera advertencia: por mucho que lo hayas visto antes, en cuanto los ojos se tapan, parece que se mueve todo de sitio. Es importante palpar el plato para ‘ver’ los límites y hacer una composición mental del espacio disponible.

Non é raro que de cando en vez se faga algún tipo de acto de “ponte no seu lugar” (sobre todo na previa a procesos electorais). En xeral, estas situacións teñen máis de performativo que de utilidade, en tanto que solen elixirse situacións de maior impacto, como pode ser moverse por unha rúa en cadeira de rodas, ou, precisamente, cos ollos tapados e bastón.

Pero o principal impacto deste “brunch a cegas” pasaba por recrear unha situación tan íntima e cotiá como pode ser alimentarse, algo que non varía de facelo na túa casa ou nun local de hostalaría. O fondo é o mesmo: facer fronte a unha tarefa que a necesidade convirte en repetitiva, aínda que para unha parte da poboación implique unha serie de inconvenientes aos que remata acostumándose, algo que para outra pode supor, e supón, un impacto cando se lle pide que a leve a cabo. Non falamos de intentar chegar, senón de tratar de alimentarse, tentando tanto acertar no prato como calmar a ridícula sensación de vergoña ante a posibilidade de provocar algún pequeno desastre.

Tal e como adiantaran no convite, a serie “Mucho que ver” quería nos achegaramos á súa realidade con outros ollos, pensando en levarnos á contorna das persoas cegas no seu día a día, e se xa a familiaridade do formato permitía facelo vendo os capítulos, o remate con esta proba de pericia servía para deixar claro canto queda por aprender nunha sociedade diversa.

Comparte!

Deixa a tua réplica

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes usar etiquetas e atributos HTML

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>