Do entusiasmo ao insomnio

Hai unha diferenza enorme entre “Teño moitas ideas interesantes” e “Empezo a ver a estrutura que conecta ideas que levo anos traballando por separado”. O primeiro adoita xerar entusiasmo. O segundo xera insomnio. 😄
Despois de anos de actividade profesional analizando fenómenos sociais, culturais, organizativos e políticos, chega un momento no que che dás conta que esa mesma obsesión analítica estás a aplicala tamén aos teus proxectos. E iso ás veces resulta complicado porque convertes as túas propias actuacións en obxecto de observación.
Nos últimos dous meses, entre a pesada actividade burocrática que conleva a asociación, e que obriga a un enfoque de “proxectos” moi curto de miras, empezamos a converter o verdadeiro Proxecto (a asociación coa súa misión e valores) en obxecto de observación.
E entón apareceron conceptos que aínda non puideramos nomear explicitamente pero que, unha vez que emerxeron, imposible esquecelos:
-
- Infraestrutura social de baixa intensidade
- Transferencia de coñecemento
- Participación interpares
- Construción de capacidades
- Tronco fronte a ramas
- Sustentabilidade relacional
E eu digo que tanto entusiasmo é un encordio, porque empezan a explicar demasiadas cousas á vez. E porque cando atopamos (ou recuperamos) unha liña fértil de investigación, os nosos cerebros tenden a querer abrir vinte portas nunha tarde.
E todas son interesantes, o problema é que a realidade segue tendo prazos. 😏