Sete razóns que fan de “Las madres de los pingüinos” unha serie diferente

APM 1 Setembro 2026

Rosalía López é fisioterapeuta e doutora en Xerontoloxía, cunha ampla traxectoria profesional, investigadora e activista no ámbito da discapacidade. Foi membro das xuntas directivas de ACADAR, GRUMICO e COGAMI e desenvolveu tamén unha etapa de representación política no Parlamento de Galicia e actualmente no Concello da Coruña. Desde esta experiencia e coñecemento, achéganos a súa mirada sobre As nais dos pingüíns. 🙂

Cando a discapacidade deixa de ser un cliché

Resultou para min sorprendente e gratificante atoparme cunha serie como “As nais dos pingüíns”, unha produción polaca de Netflix estreada en 2024. Son seis episodios que seguen a Kama, unha loitadora de MMA e nai dun neno de sete anos autista, Jaś, que cambia de colexio e acaba nun centro educativo para nenos con necesidades especiais.

Aínda que reducir a serie a “a historia dunha nai cuxo fillo é autista” sería quedarse moi lonxe do que realmente expón, sería simplista e eliminaría a complexidade dos personaxes, xa que nesta serie a discapacidade non é o argumento, a discapacidade forma parte da trama igual que forma parte da vida.

Esta serie é capaz de abordar aspectos clave cando a discapacidade dun fillo se pon sobre a mesa:

1.-Nin heroes nin vítimas

Hai algo profundamente esgotador en moitas das películas e series que falan de discapacidade, case sempre parecen empeñadas en dicirnos que debemos sentir ante elas. Adoitan existir dúas representacións aparentemente opostas que, en realidade, teñen algo en común, ambas deshumanizan ás persoas con discapacidade: por unha banda está a vítima e por outro, o chamado “heroe da superación”, esa persoa que a pesar da súa discapacidade consegue estudar, traballar, practicar deporte, namorarse ou simplemente levantarse cada mañá, usando a vida cotiá das persoas con discapacidade como fonte inesgotable de inspiración, independentemente de como sexan ou do que fagan, cousificándoas a través de puro “porno inspiracional”.

Talvez un dos maiores acertos da serie sexa precisamente o feito de que a discapacidade non aparece como un elemento extraordinario que converte aos seus personaxes en seres diferentes ao resto da humanidade: cada neno ten a súa personalidade, as súas preferencias, os seus conflitos e as súas relacións; e cada nai presenta os seus propios medos e inseguridades, as súas contradicións e a súa vida máis aló da discapacidade dos seus fillos. E isto, que debería ser o normal, non o é tanto na ficción.

Kama, por exemplo, non é presentada como unha nai perfecta, ten prexuízos, dúbidas e medos, é unha nai á que ao principio lle custa aceptar a realidade pero que logra evolucionar cuestionándose as súas propias ideas e aprendendo a comprender mellor ao seu fillo e ás persoas que a rodean, cun resultado moito máis honesto.

2.-A contorna forma parte da discapacidade

Outro dos grandes acertos da serie é que non sitúa todos os problemas no neno ou na persoa con discapacidade, a discapacidade tamén está na contorna en forma de barreiras, prexuízos, na mirada dos demais, nas familias que non saben como reaccionar e nun sistema educativo que non sempre responde adecuadamente ás necesidades de todos os alumnos. En lugar de preguntarnos unicamente que lle pasa a esta persoa, a serie obríganos a preguntarnos que está a pasar ao redor desta persoa.

3.-Educación ordinaria ou educación especial para os nenos con discapacidade?

A serie pon sobre a mesa unha cuestión longamente debatida: educación ordinaria ou educación especial para os nenos con discapacidade?, e implicitamente fala dos colexios que venden a chamada “falsa inclusión”, escolas onde os nenos con discapacidade apenas comparten espazos cos seus compañeiros, onde non existen os recursos necesarios, onde os profesionais non están o suficientemente formados, onde é moi difícíl que todos os nenos compartan as mesmas actividades…

A serie pon de manifesto como a denominada “falsa inclusión” leva á frustación de nenos e pais e fala, á súa vez, do dereito dos pais para decidir o que é mellor para os seus fillos.

4.-A realidade da discapacidade é difícil e incómoda

Outro motivo polo que a serie resulta interesante é que non pretende resultar cómoda ao espectador, non presenta unha versión edulcorada da discapacidade A discapacidade implica medo, frustración, negación, prexuízos; hai situacións incómodas; hai pais que non saben como enfrontarse ao que está a ocorrer e hai conflitos familiares e sociais. A serie reflicte todo isto e precisamente por iso resulta crible, porque a discapacidade non necesita que a ficción a maquille necesita que a ficción a mire de fronte, algo que resulta moito máis difícil aínda que tremendamente valioso.

5.- Os coidadores como individuos de pleno dereito

A serie ten ademais outra virtude: aborda maxistralmente o papel das persoas coidadoras. Ao redor da discapacidade existen moitas persoas, pero ningunha debería desaparecer como individuo polo feito de coidar.

As nais teñen os seus propios desexos, frustracións e contradicións, en ningún caso a maternidade convérteas máxicamente en persoas perfectas ou en seres de luz.

6.-Discapacidade e dereitos

A serie interésase tamén polas dificultades que afrontan as familias para conseguir os apoios necesarios, porque falar de discapacidade tamén significa falar de dereitos, de accesibilidade e de inclusión real.

Non basta con mostrar unha cadeira de rodas en pantalla ou a un neno autista, é necesario mostrar que ocorre cando o mundo non está preparado.

7.- “Con discapacidade” non “discapacitados”

“As nais dos pingüíns” é unha serie que non pretende falar polas persoas con discapacidade e talvez sexa esta ausencia de paternalismo e condescendencia o que fai que se sinta diferente.

Tampouco utiliza a discapacidade como recurso sentimentaloide destinado a arrincar algunha que outra bágoa, simplemente incorpóraa á vida dos seus personaxes, o que permite que poidamos mirar as persoas e non soamente ao seu diagnóstico.

É evidente que necesitamos menos historias “sobre discapacidade” e máis historias con persoas que teñen discapacidade, porque nun panorama audiovisual que durante demasiado tempo reduciu a discapacidade a traxedia, superación ou inspiración, atopar unha historia que se atreva a mostrar contradicións, problemas cotiáns, relacións humanas e persoas imperfectas supón un cambio de paradigma. Esta é, para min, a gran lección que nos deixa esta serie.

Non necesitamos que todas as películas e series sobre discapacidade sexan solemnes, non necesitamos que os seus protagonistas sexan heroes ou seres que sofren co obxectivo de que o espectador aprenda unha lección.

Talvez “As nais dos pingüíns” resulte tan diferente porque non nos pide admirar, pídenos simplemente coñecer.

Comparte!