A Asociación
Funcionamento
Home A Asociación Funcionamento
A ética da participación
Principios
En todas as formas de participación ou colaboración, son principios de obrigado cumprimento tanto individual e profesional como nos proxectos internos ou externos nos que participe:
A Ética profesional, para superar o marco do legalmente establecido e xerar un marco de comportamento e conductas profesionais do máis alto nivel.
A Promoción das persoas, no sentido de ter sempre presente que as accións dos ámbitos profesionais e sociais teñen como fin último a satisfacción e o desenvolvemento da cidadanía implicada.
O Compromiso co desenvolvemento social, a través da xeración de valor engadido nas actividades e proxectos.
O Respecto no ámbito da comunicación, co compromiso de vixilancia e impulso do cumprimento e implantación de boas prácticas de comunicación transversal, tanto nos medios de comunicación como no ámbito da RSC.
Entendemos por implicación...
En liña coa descrición da Visión e Misión da Asociación, enténdese como implicación no desenvolvemento dos proxectos e intervenciós da Asociación, a participación activa mediante algunha destas fórmulas:
– Colaboración nos proxectos como voluntariado persoal, profesional ou corporativo.
– Contribución ao financiamento en forma de equipamento, bens físicos ou recursos monetarios (cotas, dotacións, patrocinios etc.)
Calquera forma de participación, integración ou colaboración coa APM implica asumir os compromisos co traballo, liñas de difusión e actividades relacionadas coa misión e obxectivos da Asociación. Todas as aportacións terán o debido recoñecemento por parte da Asociaciación.
Fórmulas de integración na APM
A APM é moi plural na súa composición xa que participan persoas con diferentes intereses e procedencias xeográficas, persoais e profesionais.
Fundadoras: As que subscribiron a acta fundacional.
De número: As que ingresen con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
De honra: As convidadas a titulo persoal pola súa especial relevancia e participación nos proxectos emblemáticos no ámbito da misión e fins do Proxecto Máscaras.
Asociadas: As persoas que, a título individual ou en representación dunha entidade, se integren nun proxecto específico ou Grupo de Traballo (GT) dos que se fala no artigo 35 do título IV dos estatutos.
O contexto dos proxectos
Para o logro dos seus obxectivos e intereses, a ASOCIACIÓN poderá actuar ante as administracións públicas, corporacións de toda orde, entidades privadas, empresas, medios de comunicación e particulares, no ámbito que en cada momento sexa preciso.
- Representar e xestionar, nos seus aspectos xerais, os intereses da ASOCIACIÓN ante calquera instancia, ben sexa de representación, de xestión ou de decisión, nos ámbitos socioeconómicos, culturais ou políticos da Comunidade Autónoma, do Estado ou da Unión Europea, establecendo, fomentando e mantendo relacións e acordos coas distintas Administracións.
- Desenvolver e executar acordos alcanzados coas Administracións públicas, centrais sindicais, universidades, entidades financeiras e calquera outra entidade e institución cuxos obxectivos incidan no recoñecemento da diversidade e a integración en todos os ámbitos do espazo público e a participación na toma de decisións.
- Deseñar e impulsar encontros, certames, festivais, premios, etc., que promovan a visibilidade de iniciativas e proxectos que inclúan o audiovisual como relato integrador para a visibilización da diversidade.
- Establecer os instrumentos adecuados de comunicación, cooperación e enlace entre as distintas persoas e entidades asociadas, respectando a autonomía de cada unha, así como potenciar servizos comúns que fosen de interese.
- Promover o avance dos métodos e técnicas de comunicación integradoras, especialmente a través de programas que impulsen a innovación, o I+D e a sociedade da información.
- Potenciar o emprego e coñecemento do idioma galego no ámbito social, cultural e educativo.
- Realizar labores de asesoramento, consultoría e asistencia técnica en proxectos externos impulsados por outras persoas, entidades ou institucións.
- E, en xeneral, levar a cabo cantas actividades estean relacionadas cos fins e obxectivos da ASOCIACIÓN.
Órganos de goberno
Os órganos de goberno, xestión e representación son:
- Asemblea Xeral
- Xunta Directiva
- Comité Executivo
- Presidencia
Reflexión estratéxica e liñas de investigación
Consello Asesor
Está formado por persoas expertas que pola súa traxectoria persoal, profesional ou institucional teñen especial relevancia no ámbito da misión e fins da ASOCIACIÓN e que están dispostas a aportar a súa experiencia e a colaborar para o mellor cumprimento destes fins. O cargo é persoal e intransferible.
O Consello está presidido polo director da película Máscaras, que deu orixe a esta Asociación, e ostenta a vicepresidencia a persoa que represente á titular dos dereitos, a fin de velar os acordos asinados. Estes cargos son persoais e intransferibles.
O coñecemento, deliberacións e reflexións derivadas do Consello Asesor contribúen a enriquecer a Visión e Misión da Asociación permitindo establecer novas liñas de investigación e actuación que se trasladan aos órganos da Asociación para ser incorporadas aos Grupos de Traballo.
Grupos de traballo
Creanse, ben por iniciativa da Xunta Directiva, do Consello Asesor ou por solicitude dun número de membros que sexa representativo en relación co seu obxecto e finalidade, grupos de traballo sobre unha materia de interese para a ASOCIACIÓN.
A formación dos Grupos de Traballo está aberta, previa solicitude, sempre que exista interese específico na materia obxecto destes, cun número comprendido entre 4 e 8 integrantes.
Os grupos de traballo organizarán o seu propio funcionamento interno, en todo o non previsto nos estatutos.
Cada grupo de traballo elixe a súa propia portavocía que poderá participar nas reunións da Xunta Directiva e do Consello Asesor con voz pero sen voto.
O número de grupos é flexible. Podense crear e disolver por acordo da Xunta Directiva, tal e como se establece no artigo 27.