A cultura convirte a unha multitude nunha audiencia

APM 26 Decembro 2023

TrasTornados é o título dun documental de creación, realizado co apoio da Deputación da Coruña. Un título polisémico que pódese referir:

… á xente que se atopa tras un trastorno;

… ou directamente aos trastornos,

… ou quizais unha referencia aos cazadores de tormentas que perseguen accidentes climáticos para tratar de avanzar no seu coñecemento.

Pode ser unha destas interpretacións, ou poden ser as tres, porque estamos a falar de persoas con TDAH dun colectivo de inmensa diversidade (e seguro que a maior parte non diagnosticado) no que te podes atopar as tres representacións: quen o sufre, o que se sufre, ou a loita constante por comprender que é o que se sufre.

É dicir, tamén pode entenderse como as pequenas ou grandes transformacións que quedan tras o paso do tornado das situacións persoais e contextuais que se producen en torno ás persoas que, en diferentes medidas, tendemos a etiquetar como algo tan, de momento, “pouco” coñecido como é o TDA(H).

Porque o certo e que entre o que tendemos a denominar coa estigmatizante etiqueta de “trastorno”, hai un amplo espectro de tipoloxías, incluídas persoas con altas capacidades que, tal vez, simplemente tiveron a sorte de ter o apoio preciso para desenvolver capacidades en lugar de quedar atrapadas nos atrancos.

Hoxe en día, hai moitas persoas famosas que teñen recoñecido publicamente o seu TDAH, como é o caso de Anxo Carracedo, catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética, e membro de la Real Academia Galega de Ciencias. Ou o sobradamente coñecido psiquiatra, investigador y profesor español nacionalizado estadounidense, Luis Rojas-Marcos de la Viesca.

Pero tamén en outros moitos ámbitos: Steve Jobs, cofundador de Apple, Michael Jordan, mítico xogador da NBA, Michael Phelps, nadador medallista Olímpico, Fernando Verdasco, Jim Carrey, Will Smith, Sylvester Stallone, Nacho Vigalondo…

Si, pero no fondo estes recoñecementos públicos non deixan de ser un argumento perverso que, en lugar de servir como exemplo da amplitude do espectro, tende a excluír a quen non ten esas oportunidades en grupos de “persoas problemáticas ou con mal comportamento”.

A selección cultural das “ideas naturais”

Como un dos piares da APM dende o seu nacemento no 2014, e xa antes como motivo para a súa fundación, a mirada cara á diversidade é un dos eixos da oportunidade para avanzar, cunha especial atención a lo que damos en llamar “persoas e colectivos en risco de exclusión”, exemplo de segmentos da sociedade que con demasiada frecuencia adoitan quedar fora dos circuítos “normalizados”.

Por pura simplificación argumental ou falta de mecanismos de apoio, costa facerse un oco na capacidade de xerar cultura.

Neste tránsito da entidade, e como parte da súa evolución, no ano 2018 entramos en contacto cun colectivo que nos era alleo: o das persoas con TDAH (e os seus contextos familiares e educativos).

Tendo xa desenvoltas ferramentas de traballo aplicadas en outros contextos, atoparnos coa realidade do TDAH supuxo unha enorme sorpresa por un motivo principal: O gran descoñecemento da súa problemática, algo que, ademais, implica un notable esforzo de darse a coñecer por parte das persoas afectadas.

Sorprendeunos tamén á importancia que daban ás actividades culturais como mecanismos de traballo, chegando incluso a utilizar os proxectos nos que participaron coa APM en talleres e sesións de formación e sensibilización.

É dicir, dentro de todo este descoñecemento destaca unha idea esencial: O Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade é un universo en si mesmo, cunha incrible variedade de casuísticas que mesmo chegan a mesturarse con outras afeccións e “trastornos”. Un enorme caos no que a comunidade de afectadas ten que enfrontarse ao reto engadido de facerse entender.

Esta introdución ao universo do TDAH foi o agasallo que nos fixo o primeiro contacto coa entidade AnhidaCoruña, que para nos descubriuse como un motor silente á hora de traballar un desenvolvemento comunitario entre familias e persoas afectadas. Dende aquela, todo foi un continuo aprendizaxe: dende os grupos de traballo de adolescentes para saber adaptarse aos requisitos sociais, pasando polas sesións coas familias, e chegando aos estudos que sitúan o TDAH como xerador de desigualdade dentro do colectivo de persoas reclusas en institucións penitenciarías.

En definitiva, tras o inmenso traballo realizado nos contextos institucionais (tanto a nivel lexislativo como na educación) por asociacións como AnhidaCoruña, cuxa represetate é tamén vicepresidenta da Federación Galega, descubrimos que a titánica labor desenvolta pola comunidade de afectadas, era un tema en si mesmo que pedía, dalgún xeito, o abordaxe da sensibilización e difusión de outra maneira.

Pero o xeito é importante

Se algo nos quedou claro nestes anos foi a capacidade de implicación por parte das persoas para (auto)recoñecerse, para xerar espazos seguros nos que falar do mundo e de como adaptarse (ou adaptalo). Unha constante busca de mecanismos pola súa parte para aprender a convivir e a ser aceptadas, sempre loitando contra a mediatización dun “trastorno” maltratado na súa difusión nos medios xerais.

É por este motivo que para contar esta historia non se pode tomar o papel de AnhidaCoruña como o de “obxecto a representar”, senón como o de parte na construción do relato, unha narración (e narrativa) que non pode depender da perspectiva allea e contemplativa, senón que debe contar coas decisións daquelas persoas que queren transmitir unha mensaxe ao mundo para ser comprendidas, pero que tamén reclaman o seu dereito a entender ao resto dende a súa diferenza.

É dicir, non é un documental “sobre”, senón un documental “con”.

O documental non se pode enfocar como un traballo lineal e pechado, ten que contar con esta participación activa das persoas que saben do que falan, e de aí xurde a necesidade de xeralo a partir dun proceso colaborativo, no que as partes saiban entenderse para chegar a un consenso, e tamén a unificar as ferramentas narrativas para conseguir que o relato teña o maior grao de credibilidade posible.

Falamos dunha aposta narrativa extensa no tempo en tanto que promove a indagación dende diferentes puntos de vista, posibilitando tanto a reflexión como a análise dentro do propio proceso para poder establecer as pregunta e, tal vez, algunhas respostas.

Un proceso que pode estar máis preto de Feng Ai (Bing Wang, 2013) e o seu radicalismo documental, ou da reflexión de Monos Como Becky (Joaquín Jordà, 1999).

En TrasTornados, únese a experiencia do ámbito social no que traballa Anhida, coa dos mecanismos de traballo innovadores e propios da APM para o desenvolvemento dun proxecto cultural que poña de relevancia:

  • A toma de conciencia do que significa “estar na vida pública”: Isto é, protagónicos que aportan desde as situacións nas que se ven envoltos.
  • Contar en clave de “gramática cinematográfica”:
    • Persoas e elementos da vida real
    • Espazos como elemento narrativo
  • Traballo previo de investigación e co-creación para o desenvolvemento do guión documental: entender a relación da contorna coas persoas protagonistas, o que abre un abanico de posibilidades a partir das experiencias reais das participantes substituíndo o concepto de “reivindicar” polos de “evidenciar e constatar”
    • Con especial atención ao significado da percepción das emocións e sentimentos manifestados na investigación realizada
    • Carácter orgánico: deixar que sigan emerxendo os personaxes para que poidan facer súas as situacións

Sen embargo, un subliñado específico. Polo tema a tratar, dáselle especial relevancia ao proceso pero, en canto que produto cultural, ten que responder as características de calidade e, precisamente polo tema a tratar, ten que resultar ameno e atractivo para a audiencia.

Comparte!

Deixa a tua réplica

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes usar etiquetas e atributos HTML

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>